Monday, November 29, 2010
CADERNO ABERTO/Memorias dun ninguén
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Con este expresivo título, 'Memorias dun ninguén', acaban de ver a luz unha sorte de memorias sui géneris dun escritor que para moitos é de culto e que había anos que non nos ofrecía aos lectores nova substancia ou materia literaria de seu. Porque Carlos Mella, que ese é o nome do noso autor, ademais de ser unha personalidade política de gran magnitude –foi conselleiro de Economía e vicepresidente da Xunta, entre outras moitas cousas–, ten no seu haber unha importante obra literaria, tanto no xénero narrativo como no ensaístico e no xornalístico. E lembro isto porque vivimos nun país que é propenso á amnesia en moitos ámbitos, entre eles o literario, no que adoita deitar, en máis dun caso, un manto de silencio sobre a obra realizada por senlleiros escritores.
Mella, lembremos, publica no ano 1992 un conxunto de relatos titulado 'O protocolo xaponés', ao que lle seguirán as novelas 'Bieito Bieito' (1993) e 'Luces de Fisterra' (1995). No eido do ensaio publica 'A Galicia posible' (1992) e 'A falacia do economicismo' (1994), obra esta última traducida ao catalán con grande éxito de recepción por parte de lectores e crítica. E no ano 1990 tamén sae do prelo unha obra titulada 'Non somos inocentes', libro de memorias dun “político galego enexcedencia”; en certa maneira un antecedente, se queren vostedes, destas novas Memorias dun ninguén –velaí xa unha pinga densa de humor mellaniano no título– que agora felizmente temos nas nosas mans. Eu estou de acordo con Claudio Ferrufino cando afirma que as memorias e as autobiografías son unha caste de xénero literario ben particular, porque ademais do estilo definido por parte de cada autor –sempre brillante en Mella– permiten aproximarse á historia vital e á experiencia de vivir dende unha perspectiva única, a do propio escritor e “espectador privilexiado”. 'Memorias dun ninguén' de Carlos Mella é un
libro que descobre páxinas vitais do autor, mais o seu ton reflexivo e o discurso literario converten a obra nun elegante tratado sobre a arte de vivir.
Publicado en HOXE (Galicia, España), agosto 2009
Imagen: El escritor gallego Carlos Mella
No comments:
Post a Comment